Bases do I Concurso “Musicando a Rosalía”
Bases do I Concurso MUSICANDO A ROSALIA (pdf)
Documento de inscrición: FormularioRosalia
Modelo declaración xurada e permiso difusión: Descargar
Primeira.- Obxecto
O concurso “Musicando a Rosalía” organízase para premiar
a creación musical feita en lingua galega como homenaxe á nosa poetisa máis representativa, Rosalía de Castro.
O obxectivo é achegar a obra poética de Rosalía de Castro á xuventude.
O concurso constará de dúas fases: unha primeira na Internet e a segunda cunha actuación en directo.
Segunda.- Información, difusión e comunicación
O sitio web no que se publicará todo o relacionado co concurso é http://www.vigosonico.org. Nel publicaranse as bases do concurso, os formularios de inscrición e aloxará as cancións presentadas a concurso para a súa audición. Tamén permitirá a votación por parte do público que terá que rexistrase para poder votar.
A organización informará sobre o concurso por medio deste sitio, tanto cara ás e aos participantes coma ao público en xeral; ademais contará co reforzo do emprego das redes sociais:
- YouTube
As/os usuarias/os participarán coas súas mensaxes, comentarios, etc., que serán redactados en galego.
A organización do concurso reservase o dereito de aplicar esta condición e non publicar aquelas achegas que se fagan noutra lingua; e non terá que xustificar a dita acción conforme coas bases do propio concurso.
Terceira.- Inscricións
A inscrición será totalmente gratuíta e poderá facerse de tres xeitos:
- Por correo electrónico ao enderezo musicandoarosalia@gmail.com
- De xeito presencial, achegando a documentación da inscrición nas instalacións de VigoSónico (Estrada do Portal s/n – 36313 Vigo)
- Por correo postal dirixindo o envío ao seguinte enderezo:
Lugar: Concello de Vigo – VigoSónico
Enderezo: Estrada do Portal s/n 36313 Vigo
Documentación requirida:
- Formulario cos datos da persoa e/ou de todas as persoas que forman a agrupación musical que presenta o tema; non se poderá mudar a dita composición ao longo do concurso salvo causa xustificada (enfermidade, accidente, etc.).
- Declaración xurada por parte da persoa/s que participan segundo o modelo que da organización onde se manifesta, que a música e/ou calquera recurso artístico que a compón sexa orixinal.
- Unha autorización que permita gravar, fotografar, publicar, etc. as actuacións feitas para o concurso.
- Fotocopia do DNI ou calquera outro documento que acredite a/as persoa/s que compoñen a formación.
Formato da peza musical:
A achega das pezas musicais presentadas ao concurso terán que estar en formato mp3 e no caso de calquera problema para a súa reprodución será responsabilidade do/a artista achegalo axeitadamente.
Para rexistrarse no concurso as/os artistas que desexen participar terán que achegar a/s súa/s canción/s no formato establecido, especificando en galego os detalles e información xeral relativa ao/á artista/s, así como da composición que presentan, sendo importante achega as súas ligazóns nas redes sociais.
Haberá que indicar a creación de Rosalía de Castro que se emprega, que pode ser un poema ou parte do mesmo, para poñerlle música, da que se verificará a súa coincidencia co texto rosaliano.
Cuarta.- Cronograma do concurso
O período de inscrición e achega das obras será dende o día seguinte á publicación das bases e ata o 15 de febreiro de 2016.
Período de votación da primeira fase do concurso: dende o 20 de febreiro ata o 30 de marzo de 2016.
Decisión da primeira fase do concurso: 31 de marzo de 2016.
Actuación Fase final: abril 2016.
Actuación ao vivo dos/as finalistas: ao redor do 17 de maio de 2016.
Quinta. – Escolla: votación popular e xurado
A escolla contará coa participación do público en xeral e dun xurado elixido para a selección das composicións finalistas e gañadora.
Haberá unha PRIMEIRA FASE para elixir finalistas. Esta escolla farase por:
- Elección popular, cunha participación e votación aberta que seleccionarán o 50% dos temas que pasen a fase final a través da web do concurso.
- Elección do xurado do outro 50% dos temas.
A decisión desta fase farase pública o día 31 de marzo de 2016.
Haberá logo unha FASE FINAL que consistirá nunha actuación conxunta na que todos/as artistas escollidos como finalistas na primeira fase terán que interpretar en vivo a peza presentada ao concurso. A data de celebración será durante o mes de abril de 2016.
Ao remate da actuación de todos/as os/as finalistas haberá unha valoración do xurado destas interpretacións en vivo dos temas presentados, para escoller o tema gañador do concurso, como mellor composición. A votación do xurado suporá 2/3 da valoración final e contarán coas votacións do público na primeira fase que sumará 1/3 da puntuación, sendo a suma destas destas dúas valoracións a que estableza o GAÑADOR do I CONCURSO MUSICANDO A ROSALÍA.
A decisión do xurado será inapelábel.
Condicións da actuación: Todas as formacións terán que presentarse á hora fixada pola organización para realizar as probas de son e co tempo asignado. A orde na que actuarán farase por sorteo antes do evento. Se por consenso entre as e os artistas e a organización decídese facer calquera cambio para unha mellor realización técnica farase antes do comezo.
Para os efectos de axilizar a realización do concerto actuarase con algúns elementos comúns: batería, amplificadores, monitores, mesa de misturas e micrófonos. No caso de precisar equipamento extra terá que ser comunicado á organización, terá que achegarse o material necesario se así o consideran preciso e sempre que sexa posíbel incorporalo a sonorización da actuación.
Sexta.- Premios
O concurso contará coas seguintes modalidades de premios:
1. Gravación e edición do disco recopilatorio de todos os temas elixidos como finalistas.
As composicións finalistas elixidas polo xurado e votación popular gravaranse en estudio e formarán parte dun cd conmemorativo publicado polo Concello de Vigo.
Deste cd farase unha edición de 1000 copias, a repartir entre todas as formacións.
2. Actuacións ao vivo dos/as finalistas e do/a gañador/a.
As formacións musicais/solistas que resulten elixidas finalistas e gañador/a, actuarán en vivo nunha data próxima ao 17 de maio de 2016, co pagamento dunha remuneración de 500 € por actuación agás o/a gañador/a do concurso que recibirá 1.000 €.
A dita actuación contará coa produción do Concello de Vigo e poderá estar inserida dentro dos actos de celebración do Día das Letras Galegas.
Sétima.- Propiedade das cancións presentadas ao concurso
As persoas que acheguen traballos ao concurso so poderán achegar temas propios. De se facer a achega de temas cunha autoría distinta aos participantes deberán contar co consentimento explícito do/a autor/a. A organización poderá requirir o dito consentimento en calquera momento. Será responsabilidade das persoas que se presenten ao concurso de calquera derivación xurídica froito de non posuír os permisos pertinentes. A achega de temas que teñan como base unha peza popular terán que verificar que carece de calquera dereito de autor/a por parte de quen se presente ao concurso.
Oitava.- Gravación e edición do disco recopilatorio dos temas finalistas
As/os artistas que teñan que realizar dita gravación comprométense a realizala nunha sesión de catro horas nas instalacións de VigoSónico. A escolla das datas de gravación farase polos/as artistas na mesma orde da clasificación do concurso, escollendo primeiro o gañador/a, en segundo lugar o segundo clasificado e así sucesivamente, dentro das datas que a organización estableza para a escolla. No caso de que algún dos/as participantes non escolla algunha das datas ofertadas quedará fóra da realización do cd conmemorativo.
Novena.- Dereito á distribución
Todos os temas que se presenten ao concurso e as gravacións feitas para o cd conmemorativo poderán ser empregados polo Concello de Vigo para recompilar e distribuír sen ánimo de lucro polo medio que así considere oportuno. Os/as artistas aceptan ese dereito, de xeito que se comprometen a no reclamar ningunha compensación económica.
Décima.-Aceptación e interpretación das bases
A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases. A organización poderán interpretar as bases deste concurso e tomar decisións sobre situacións que non estean recollidas nelas para o cumprimento do seu obxecto.